Avisos

HORTAS URBANAS: Cambio de horario a partir do 18 de setembro: mañás de 10 a 13h e tardes de 16 a 19h.
VOLUNTARIADO SENDEIROS: Martes 19 setembro e Xoves 21 setembro. 16:15 na Pasiva ou 16:30 no Parque forestal de Maruxento

18/9/14

A Cañiza - Arbo: detalles do percorrido a pe

Na ruta do vindeiro domingo, comezamos o noso periplo polo baixo Miño, que nos levará en tres etapas dende os montes da comarca da Paradanta ata o mesmo Océano Atlántico.  A primeira destas etapas comeza na vila da Cañiza, a 565 metros de altitude, xunto o cumio do monte Vieiro.  Dende aquí temos unha ampla visión das Serras do Suído e do Faro de Avión, que conforman o extremo Sur da Dorsal galega.  Poderemos divisar tamén os montes e serras do país veciño, mais aló do val do Miño.
Case de contado comezamos a baixar (ver entrada do blog do 15-09-14), a medida que nos imos encamiñando ata o val do río Oulo, río tributario do Deva, que baixa da Serra encaixado nun canón, cheo de pozas e pequenas fervenzas.

Canón do Oulo.

Seguimos camiñando para abandonar o val do Oulo e pasar ó do Deva.  Dende aquí collemos o PRG-165 Sendeiro das fragas e levadas do Deva e o Calvo.  Este é un sendeiro feito polos vaciños de Parada de Hachas, de 24 kilómetros, que percorre as ribeiras e as fragas de estes dous ríos e o val de Parada. 

Levada no val do Oulo.

O percorrido destaca polos seus valores naturais, paisaxísticos e etnográficos.  Entre os principais valores naturais destacan as fermosas e extensas fragas que aínda conservan as ribeiras do río Deva.  Son fragas extensas e pouco transformadas pola man do home, nas que destaca a riqueza da súa flora e fauna.  Nestes bosques podemos atopar unha grande variedade de árbores, como amieiros, salgueiros, abeleiras e freixos na primeira liña, xunto o cauce do río.  Mais alonxados da auga dominan os carballos, pradairos, castiñeiros, estripeiros, e un longo etcétera de árbores e arbustos.  A diferenza entre as fragas e matogueiras da parte alta do Oulo e o Monte vieiro e o final da ruta xunto ó río Miño é moi salientable, e danos unha idea da grande biodiversidade desta comarca. 

Fraga nas ribeiras do río Deva.

Os valores culturais e etnográficos son tamén moi destacables, as mostras da arquitectura tradicional son constantes, destacan as pontes como a de Taín, os numerosos muíños, corredoiras, as levadas, que son pequenas canles que levan auga dende o monte ata as leiras e prados de zonas baixas.  Un dos elementos mais curiosos son as poldras.  As poldras son sinxelos pasos para vadear os ríos, formados por pedras dispostas a un paso de distancia unhas das outras. 
Na zona aínda podemos ver tramos de antigos camiños medievais empedrados, como o camiño dos defuntos e o da Raíña, que vai ata a Franqueira.
Seguindo o Deva chegamos ó lugar de a Lomba, onde faremos a parada para xantar.  Tras descansar e repoñer forzas, retomamos camiño para subir ata o Coto da Moura.  No Alto da Moura podemos ver varios petroglifos, que testemuñan a presenza humana nesta estratéxica zona dende a prehistoria. 
O tramo final do percorrido é de baixada, dende o alto da Moura, descendemos cara o Miño, atravesando viñas e piñeirais, ata chegar ao Pazo de Moreira ou do Marqués de Vizhoja, enclavado no medio dos viñedos desta coñecida adega.

Vistas de Portugal dende o Coto da Moura.