22/9/14

Inscricións a percorridos e a cursos

Este luns principia o prazo para inscribirse tanto aos percorridos polo Miño do día 28 (a pé entre Salvaterra e Tui, e en embarcación en Arbo) como aos cursos de hortas urbanas e de voluntariado que se celebrarán o sábado 27 pola mañá en Vigozoo. Tamén arranca o voluntariado.

Voluntariado medioambiental.
Por outra banda, o voluntariado medioambiental de outono principia nesta semana. O martes pola tarde, as 19:00 en Vigozoo, terá lugar a presentación da tempada. A partir do mércores xa se volve as tarefas en Lagares, zonas húmidas, areais, etc. Tamén está previsto impulsar voluntariado de sendeiros, e moitas cousas. Agardamosvos en Vigozoo para contarvolo e para ver algunhas fotos e videos deste verán.

Actividade en Cíes de erradicación de acacia negra

Percorrido polo Miño II: Salvaterra de Miño - Tui
Se na primeira etapa chegamos dende a Serra ata o val do Miño, a través do río Deva, no vindeiro roteiro percorreremos as ribeiras do gran Miño. 
Dende a vila de Salvaterra do Miño, iniciaremos a marcha río abaixo, por unha senda que nos amosará a illa da Fillaboa ou a desembocadura do río Tea. Tras cruzar unha fermosa ponte de pedra encamiñarémonos ata a pequena vila de Arentei, rodeada de extensos viñedos, para voltar de novo á ribeira do Miño, a través de outro dos seus tributarios, o río Caselas.
Continuamos pola beira do río ata a área recreativa de Os Baños, en Caldelas de Tui, onde pararemos para xantar. Xa pola tarde continuaremos o camiño por unha variante do sendeiro de pequeno percorrido PRG 19 Caldelas –Tui, que remata en Tui, onde finalizaremos o percorrido.




Descenso en embarcación neumática polo Miño en Arbo
Nesta ocasión, os participantes nesta actividade terán dinámica independente dos que participan no percorrido a pé.
Previa á actividade realizarase unha acción formativa para cada un dos dous grupos que se formen. Namentres un grupo realiza a actividade de descenso, o outro realiza un pequeno percorrido pola beira do río. Logo cambianse as tornas. Unha imaxe tomada dende a embarcación na sesión do pasado domingo 21 é a seguinte:



Cursos de hortas urbanas e de voluntariado
Tanto para participar no voluntariado de Camiño a Camiño como para poder solicitar unha praza na horta-escola do Concello de Vigo é preciso realizar cursos de iniciación. Este sábado 27 son os primeiros para ambas liñas de actividade. No caso de voluntariado é gratuíto e no caso de hortas urbanas ten un custe de 5 euros. A inscrición realizase dende este luns 22 no 010 (para fixos chamar ao 986810260)