16/11/15

A tempada péchase co sendeiro local de Bembrive-Beade

A tempada de outono de Camiño a Camiño toca ao seu fin co sendeiro local de Bembrive-Beade que a Concellería de Medio Ambiente está a sinalizar en colaboración coas Comunidades de Montes de Beade e de Bembrive
Trátase dun percorrido por unha das masas forestais máis importantes do concello, onde se mesturan distintos tipos de bosque: piñeirais, soutos de castiñeiros, carballeiras e bosques de ribeira ao carón dos múltiples ríos e regatos existentes.
Partimos do Parque forestal de Beade, onde unha das particularidades que se poderan ver son as plantacións de cerdeiras e de abeto Douglas. Na ruta curta achegaremonos ao río Eifonso en Bembrive, para logo retornar a Beade. Na ruta longa, internarémonos nos montes de Bembrive pasando polas áreas recreativas de Galleiro e de Pouso, así como polo muíños rehabilitados e a casa da auga, referente da recollida que no seu día subministraba auga á cidade de Vigo.
A inscrición realízase ata o mércores no 010 (986810260 para móbil) para empadroados e durante xoves pola mañá para non empadroados.