Avisos

HORTAS URBANAS: Cambio de horario a partir do 18 de setembro: mañás de 10 a 13h e tardes de 16 a 19h.
VOLUNTARIADO SENDEIROS: Martes 19 setembro e Xoves 21 setembro. 16:15 na Pasiva ou 16:30 no Parque forestal de Maruxento

5/10/14

Bonita camiñada pola desembocadura do Miño

Cun día prezoso, os camiñantes poideron comprobar como o río Miño chega ao Océano Atlántico e como se configura un ecosistema de gran beleza e gran biodiversidade. 
Nesta ocasión houbo vagar para observar distintas aves de paso e mesmo algunhas lográronse fotografiar (ver máis no apartado de Fotos 2014).



Tamén houbo tempo para contemplar como o río sofre cambios xeomorfolóxicos e ecolóxicos moi importantes. Así, a influencia das mareas faise notar ao longo dos seus últimos 35-40 km de leito e as beiras pasan de mostrarse rochosas e relativamente abruptas, a presentar un predominio de materiais finos (areas e limos), xa dende as inmediacións de Tui, o que, tendo ademais en conta o escaso rango batimétrico deste tramo estuárico, cunha máxima profundidade de 4 m, favorece a aparición de illas chás de orixe sedimentaria, tapizadas por xunqueiras e pradarías, denominadas morraceiras na zona, ou ben máis ou menos cubertas de arboredo, así como a formación de bancos de area e fango. A penetración de auga salgada é bastante limitada, de xeito que durante a baixamar as augas do estuario son basicamente doces.

A riqueza ecolóxica de este espazo é moita, e ben dada pola diversidade de ecosistemas que podemos atopar nun espazo relativamente pequeno.  Dende os rochedos e fragas de ribeira da parte alta ata as xunqueiras, amieirais, dunas, praias, piñeirais da desembocadura este LIC ofrece hábitats diversos a unha grande cantidade de plantas e animais.