Avisos

HORTAS URBANAS: Cambio de horario a partir do 18 de setembro: mañás de 10 a 13h e tardes de 16 a 19h.
VOLUNTARIADO SENDEIROS: Martes 19 setembro e Xoves 21 setembro. 16:15 na Pasiva ou 16:30 no Parque forestal de Maruxento

8/4/14

Conferencia sobre a "Conformación das Illas Cíes" o xoves

Este xoves 10, as 19:30, terá lugar unha interesante conferencia no Auditorio do Concello de Vigo baixo o título de "A conformación das Illas Cíes" a cargo de Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático en Xeodinámica Externa da Universidade da Coruña e experto internacional do tema.


Presentamos de seguido un breve resumo do que será a Conferencia:

"A formación das illas Cíes ven estreitamente ligada á evolución da Ría de Vigo. Esta ría foi escavada polos ríos que van ter en ela e que comezaron a actuar despois da fragmentación de Panxea e a apertura do Océano Atlántico fai agora 200 millóns de anos. Mais sen dubida que a etapa mais importante para a ría de Vigo e as Cíes foi o Terciario inferior (Paleóxeno) entre 65 e 24 millóns de anos antes de agora, que é cando se forma unha enorme falla tectónica de mas de 300 km de longo que comeza mais abaixo de Aveiro (Portugal)  e remata ao norte das Cíes. 
O movemento da falla causa o erguemento do continente ao leste dela (que é onde se sitúan as Illas Cíes) e o afundimento da plataforma continental situada ao oeste da falla. Na boca da Ría de Vigo aínda se poden ver as pegadas deste movemento na topografía submariña- Durante o Cuaternario, nos últimos 2,58 millóns de anos da historia xeolóxica da Terra, o clima mundial variou entre limites extremos dende as épocas glaciares, durante as que o nivel do mar descende ata 120 m por debaixo do seu nivel actual e que alternan coas época interglaciares durante as que o nivel do mar ascende ata 35m por riba do seu nivel actual. 
Durante as 14 veces que o mar descendeu por baixo do seu nivel actual as augas dos ríos escavan un canal de 10 km de longo e mais de 60 m de profundidade. Durante as épocas integlaciares o nivel do mar sube dando á Ría e as illas Cíes o seu aspecto actual. A razón de que as Illas Cíes estean onde están e como agora se presentan debese á escavación da ría durante as etapas glaciares o que permite que as Cíes continúen como están dende que emerxen das augas do mar por vez primeira hai 25 millóns de anos. A pesares do ascenso do nivel do mar debido ao Quecemento Global non se vai ver modificado substancialmente o aspecto actual das Illas Cíes, aínda que fará que se perdan todas as súas praias, incluída a Praia de Rodas que desaparecerán baixo das augas do mar".