27/3/17

Camiño a Camiño percorre o Románico principiando por Armenteira



PROGRAMA E RECOMENDACIÓNS XERAIS (máis información na solapa Románico Galego)

Co mes de abril principia un novo paquete de percorridos en Camiño a Camiño. Nesta ocasión preténdese coñecer os enclaves dalgúns das manifestacións máis destacadas do románico nas provincias de Pontevedra e de Ourense: Armenteira en Meis (2 abril), Aciveiro en Forcarei (9 abril), San Pedro de Roca e San Estevo de Rivas de Sil en Pereiro de Aguiar (23 abril) e Oseira en Cea (30 de abril). Para estes percorridos hai previstas ata 300 prazas, cunha achega de 7 euros.

Precisamente neste último caso, farase coincidir cunha das Rutas por Galicia, que constará dun percorrido o sábado 29 de abril pola Serra de Martiñá en Cea e o percorrido por Oseira o domingo. Neste caso hai habilitadas 50 prazas cunha achega de 50 euros.
Para rematar, o 7 de maio realizarase un percorrido de mañá entre as tres igrexas románicas de Vigo: Coruxo, Castrelos e Bembrive, aproveitando que se celebra o 800 aniversario de Santa María de Castrelos. Neste caso hai previstas 300 prazas e sen custe por ser no termo municipal.

Cómpre lembrar que os percorridos fóra de Vigo serán de día completo e que a hora de convocatoria na Praza do Rei será as 8:00, para saír as 8:30. 

Coma sempre a preinscrición terá lugar no 010 o luns previo ao día da actividade, agás no caso da Ruta por Galicia que terá lugar 15 días antes. A inscrición defintiva terá lugar na Casa da Xuventude (López Mora 31, en horario de oficina), onde se fará a achega correspondente e recollerase o ticket.

RECOMENDACIÓNS: Nestes percorridos de media montaña é importante ter presente a necesidade de levar boas botas de camiñar que aguanten ben a circulación por camiños encharcados. Tamén é imprescindible o emprego de bastóns, así como contar con capas que permitan soportar camiñar con choiva. Cabe a posibilidade de deixar no autobús unha mochila con muda e calzado de reposto para cambiarse ao finalizar o percorrido e non quedar sudados e/ou mollados ao remtar. Dada a duración do percorrido, cómpre levar o avituallamento necesario para media mañá e para xantar, así como auga suficiente (mínimo 1 ou 1,5 litros).

ARMENTEIRA (ao longo da semana colgarase información adicional na solapa Románico Galego)

A primeira das visitas será ao entorno do Mosteiro de Armenteira, onde ademáis de contemplar a bonita construción, poderase comprobar a fermosura das ribieras de dous ríos: o San Martiño e o Armenteira.

Trátase dun percorrido de 15 km entre a mañá e a tarde, de dificultade media dados os desniveis dalgún tramo e dificultade para circular noutros, o que ocasionará unha circulación lenta. No primeiro tramo da andaina visitaremos a ribeira do río San Martiño para chegar a comer ao carón do mosteiro, onde hai diversas cafeterías e servizos que farán cómodo o xantar. 

Estamos xestionando a posibilidade de facer unha visita guiada dentro do mosteiro despois de comer para quen teña interese. Xa vos comentaremos.

Logo, pola tarde, farase a baixada do río Armenteira onde hai un patrimonio etnolóxico moi interesante, aparte dun paseo moi cómodo a meirande parte do tempo.

Como se ve no mapa seguinte, cando circulemos pola mañá, se está despexado poderemos ver a parte sur da Ría de Arousa, coa desembocadura do río Umia, O Grove, A Illa da Toxa, Sálvora e a illa de Arousa.