27/4/15

Principia Maio coas visitas ás Illas Atlánticas

A Concellería de Medio Ambiente de Vigo propón para o mes de maio visitar os distintos arquipélagos das Illas Atlánticas: Cíes (domingo 3 e domingo 10), Ons (domingo 3 e sábado 9) e Sálvora (sábado 2 e domingo 10). En todos os casos a viaxe realizarase en barco, con saída dende a Estación marítima de Vigo.

Nestas visitas, que son de día completo, teremos ocasión de coñecer as particularidades do Parque Nacional Marítimo-Terreste das Illas Atlánticas (premer eiqui para acceder á web do Parque) en relación a outros parques nacionais, como se conformaron os distintos arquipélagos, como pasou de ser de titularidade privada a titularidade pública, como cambiou o modelo de xestión medioambiental, a laboura do voluntariado de Camiño a Camiño nas Illas Cíes, etc. A proposta é que logremos un coñecemento maior duns dos espazos naturais máis atractivos do estado español.





O procedemento de inscrición e embarque é o seguinte:
- Preinscrición no 010 (986810260 para móbiles): a partir das 8:00 do luns previo á actividade. Unha persoa poderá inscribir ata un total de 4 persoas. Cabe a posibilidade de que a inscrición sexa para a actividade do sábado e para a actividade do domingo.
- Inscrición definitiva en Casa da Xuventude (López Mora 31, de 9-14 e de 17-20). Coa preinscrición feita, péchase a inscrición en Casa da Xuventude e abónase o importe que cubre o custe da viaxe (Cíes: 7 euros; Ons e Sálvora: 12 euros; 50% para menores de 12 anos incluída esa idade). Entrégase un ticket para presentar o día da actividade.
As novas persoas inscritas e que non teñen carné de Camiño a Camiño teñen que cubrir unha ficha de inscrición en Casa de Xuventude.
- Embarque na Estación Marítima de Vigo (no dique do barco para Cíes). A partir das 9:00 horas do día da actividade faise reconto dos participantes para cada actividade, de xeito que se comproba que dispoñen do ticket recollido en Casa da Xuventude. A hora de embarque aproximado será as 9:45/10:00.
- Retorno aproximado a Vigo: as 20:00. Para tal fin, en cada caso indicarase a que hora será necesario estar nos respectivos peiraos das Illas. Cómpre ter en conta que a viaxe a Cíes dura aproximadamente 45 min; o de Ons, 90 min; e o de Sálvora, 120 min.

Programa de actividades previsto nas distintas illas:
- Mañán: percorridos medioambientais obrigatorios. Faranse dous grupos, de xeito que un grupo fai o percorrido 1  e o outro o percorrido 2, e ao rematar cada un deles, farán o outro percorrido.
- Tarde: percorrido medioambiental optativo en Cíes e en Ons.

Illas Cíes (premer eiqui para ver plano): 
a) Percorrido 1: Ruta faro da Porta (5,2 km ida e volta)
b) Percorrido 2: Ruta faro do Peito (sen chegar ao faro) (4 km ida e volta)
c) Percorido optativo: Ruta do Alto do Príncipe (3 km ida e volta)

Illa de Ons (premer eiqui para ver plano):
a) Percorrido 1: Ruta Sur (6,2 km ida e volta)
b) Percorrido 2: Ruta do Faro (4 km ida e volta)
c) Percorido optativo: Ruta Norte parcial (4 km ida e volta)

Illa de Sálvora (premer eiqui para ver plano):
a) Percorrido 1: Ruta da Aldea (1,3 km ida e volta)
b) Percorrido 2: Ruta do Faro (1,2 km ida e volta)