4/4/14

Segunda etapa da Ruta da Auga

Cunha previsión climatolóxica favorable para o domingo, está prevista a segunda etapa da Ruta da Auga entre Pazos de Borbén e os Valos (Redondela).
No inicio do percorrido curto visitaremos as mámoas de Amoedo, un conxunto de monumentos megalíticos que a pesares de estar saqueados, aínda manteñen a estrutura orixinaria, mesmo se poden ver as pedras da coraza, que recubrían o túmulo de terra. 
Tras un pequeno percorrido por unha zona alta con impresionantes vistas, comezamos a descender ata o trazado da ruta da auga.  Este traxecto bordea o concello de Redondela, pola zona alta, dominando o fondo da ría de Vigo, a ensenada de San Simón.   

O percorrido da ruta longa comeza subindo ata a pedra Taió, onde recentemente se marcou a ruta das Pedras, en Ventosela, no Concello de Redondela, co propósito de dar a coñecer unha das zonas mais ricas en petroglifos do sur da ría de Vigo.
Ademáis, en ambos percorridos poderemos contemplar a progresiva explosión da natureza na primavera.