21/10/13

Propostas para a semana do 21 ao 27 de outubro

Nesta semana está previsto un Curso básico de hortas urbanas para o xoves 24, a partir das 16:30 en Vigozoo, e a última etapa do GR53 entre o Monte Alba e Saiáns. Aparte, e se o tempo o permite, actividades de voluntariado e de hortas urbanas.

Percorrido polo GR53: Monte Alba - Saiáns

O vindeiro domingo, faremos a cuarta e derradeira etapa do GR-53, o sendeiro panorámico de Vigo.  Partiremos do Monte Alba e do Monte dos Pozos e remataremos na parroquia de Saiáns, xa no límite entre os Concellos de Vigo e Nigrán.
Nesta ocasión o punto de inicio non é común para a ruta longa e a curta, polo que teremos que ter claro dende o principio a opción que escollemos.
- O percorrido curto comenza no Parque forestal do Monte dos pozos, dende alí baixamos ata Freixo, e continuamos bordeando a base do monte onde estaba o antigo vertedoiro do Zondal, clausurado e selado xa dende fai máis de 10 anos.
Continuamos por Fragoselo, na parroquia de Coruxo, ata o campo de fútbol, onde collemos unha pista en moi bo estado e sen grandes pendentes que nos levará ata a Saiáns, ofrecéndonos unas espectaculares vistas do litoral do Concello de Vigo e das Illas Cíes.  Esta pista pasa polos parques forestais de Oia e Saiáns, onde comeza unha das rutas etnoarqueolóxicas do Concello de Vigo.
No último tramo baixamos pola ribeira do rego de Saiáns, pasando por varios muíños , ata o punto de recollida, na estrada de Baiona.
- O percorrido longo comeza na base do Monte Cepudo, moi preto de onde rematamos a terceira etapa do GR.  Dende alí subimos ata a cima do monte Alba e a do Cepudo, e baixamos en dirección a Chandebrito, no concello de Nigrán.  Pasamos polo Castro, no Monte do Castro ou das Cruces e tras atravesar o barrio da Igrexa tomamos camiño dos Montes de Coruxo ou Outeiros.

Cruzamos este macizo parándonos no Parque Forestal de Coruxo a repoñer folgos, e continuamos camiñando polas parroquias de Coruxo e Oia.