30/5/13

Previsión fin de semana 31.5 - 2.6

Os días son grandes e apetece buscar plan para a fin de semana. Nesta ocasión é variado e moi completo: acción de voluntariado nos areais o sábado pola mañá, nocturna polo Galiñeiro o sábado pola noite, visita á Serra dos Ancares e actividade nas hortas, iniciándose a 1ª fase de navia.

Previsión climatolóxica (meteogalicia)


Acción de voluntariado nos areais de Vigo (praia da Fonte e de Samil)
Este sábado 1 de xuño, entre 9 e 13 horas, está previsto unha acción colectiva de voluntariado medioambiental nos areais de Tombo do Gato e proximidades, abordando labouras de erradicación de plantas invasoras (en particular Arctoteca calendula, ver ficha) e de limpeza de areais. 
Con este xesto o voluntariado querese sumar aos actos que a Concellería de Medio Ambiente ten previstos para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente.



Percorridos medioambientais: Nocturna polo Galiñeiro
Como en anteriores tempadas, o vindeiro día 1 de Xuño faremos un percorrido nocturno (ver documento) pola Serra do Galiñeiro.  Nesta ocasión circularemos pola zona sur da serra, na vertente Este.

Comezaremos o noso percorrido en Erville, xusto no límite entre os Concellos de Vigo e Mos. O primeiro tramo do percorrido é ascendente, posto que subiremos ata o miradoiro da Virxe das Neves. Dende este miradoiro, onde hai unha pequena capela, temos unha extraordinaria panorámica do Val da Louriña.  Podemos ver as serras do extremo norte de Portugal, o Galleiro, e a Serra do Suído, xa na parte Sur da dorsal Galega.
O percorrido continúa cara o Coto Mediodía, monte que rodearemos pola parte Sur e Oeste, para Chegar á base da Loma da Zorra ou Galiñeiro Sur.  Subiremos ata o cume de este Monte por unha pista ancha e en bo estado, onde teremos unhas espectaculares vistas, e un bo punto de observación do firmamento.
Tras facer unha parada onde teremos unha explicación sobre a observación das estrelas, baixaremos do monte e continuaremos en dirección Este, ata a zona de Vilaverde, onde estarán os autobuses agardando por nós.


A propósito do Galiñeiro, está convocada para este domingo 2 as 12h, na Alameda de Santiago de Compostela, unha manifestación en contra da minería a ceo aberto que particularmente se quere facer no que debería ser o Parque Natural de Aloia e Serra do Galiñeiro. Máis información na web da Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro (pinchar aqui)


Visita á Serra de Ancares (quenda 1)
Onte mércores tivo lugar unha charla a cargo da Concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago, sobre a visita programada. Nela explicáronse os aspectos máis destacados dos percorridos a realizar e algunhas recomendacións a ter en conta.



Lembrar que a hora de convocatoria na Praza do Rei é as 8:00 do sábado e que as previsións son de melloría climatolóxica

Ancares - Piornedo (Cervantes)