11/3/13

Semana de variada actividade: Lagares, Cíes, Pedro Alvarado e o rego do Bao

A semana que escomeza vén cargada de ofertas dende a Concellería de Medio Ambiente, ás que se pode un apuntar xa:
- Quedada de Voluntariado Camiño a Camiño no río Lagares, o sábado 16 de marzo, entre as 10:00 e as 14:00, están convocados todos os/as voluntarios/as a facer unha acción de erradicación de prantas invasoras no tramo que vai dende as pistas de atletismo cara a desembocadura. Non fai falla chamar ao 010, simplemente hai que aparecer no aparcamento habitual (ver mapa de localización)




- Voluntariado en Illas Cíes durante Semana Santa (quenda 1: 23-26 marzo e quenda 2: 28-31 marzo). Para poderse preinscribir no 010 dende este luns 11 (quenda 1) e o luns 18 (quenda 2) é necesario ter asinado o acordo de voluntariado. Terán preferenza aqueles voluntarios/as que teñan realizado durante 2013 como mínimo 4 horas de voluntariado e, como segundo criterio, por orde de chegada a 010. O luns 18 de marzo (quenda 1) e o martes 19 (quenda 2) comunicaraselle ás persoas voluntarias seleccionadas a súa quenda e, nese momento, ata o mércores 20, acabase de formalizar a inscrición na Casa da Xuventude.



- Horta-escola de Pedro Alvarado (Teis). Está previsto que o xoves 14 de marzo, a partir das 16:00, bote a andar esta nova horta-escola. As persoas que realizaron o Curso básico de hortas urbanas" e seleccionaron este espazo, iniciarán o proceso de construír pouco a pouco a horta sobre bancais cerámicos e, de seguido, facer plantacións. No caso de non poder asistir o xoves, lembrar que os sábados a partir das 16:00 tamén estará aberta.

- Percorrido medioambiental polo rego do Bao, o domingo pola mañá. Coñeceremos un dos regos que desembocan directamente no mar, drenando a súas propias e pequenas concas fluviais. O rego do Bao e un dos ríos que alimentan a maior e mellor conservada zona húmida que temos no concello de Vigo, a zona húmida do Vao.  Nos seus 117.557 m2 temos extensos amieirais, lagoas e prados húmidos, que conforman u mosaico cunha riqueza e valores ecolóxicos excepcionais. Os Montes de Coruxo son ricos en fontes e regos, e están cubertos de extensos bosques, moitos dos cales foron plantados non hai moito, utilizando para elo especies autóctonas caducifolias.  Ademais de posúen un grande patrimonio arqueolóxico con castros, mámoas e petroglifos.