18/2/13

Domingo 24: percorrido polo curso baixo do Lagares

Continuando coa rede fluvial do Concello de Vigo, no segundo percorrido medioambiental programado abordarase a relación que Vigo mantén co seu río de referencia e os avances realizados nos últimos anos. 
Partiremos dende a Avenida de Madrid, onde rematamos o anterior percorrido, ata a desembocadura do Río, entre a Praia da Calzoa e a Foz.
É un percorrido de dificultade baixa posto que  seguimos o curso do Lagares polo paseo que vai ata a Xunqueira do Lagares, salvando apenas 30 metros de desnivel en pouco mais de 10 Km. 
Neste tramo o cauce do río cambia con respecto o tramo mais alto: apenas hai pendente e discurre tranquilo, describindo amplios meandros.  É unha zona rica en flora e fauna, con algún tramo onde sobrevive o característico bosque de ribeira, sobre todo nas zonas húmidas de Goberna ou Muíños.
Na parte final bordearemos a Xunqueira do Lagares, interesante ecosistema no que as augas doces do río e as salgadas do mar dan vida a un dos espazos mais singulares e valiosos do Concello de Vigo.
O xoves subirase ao blog a ficha técnica do percorrido. En todo caso como avance, estes son os datos.




 Proceso de inscrición e de participación
 
Como recordatorio, sobre todo para os novos paticipantes, lembrar que para poder inscribirse nos percorridos medioambientais é necesario chamar ao 010 entre o luns e o xoves e reservar praza. Na solapa superior do blog denominada "Inscrición" atoparedes todos os detalles.
Unha vez inscrito, o domingo pola mañán, entre 9:00 e 9:30 pásase lista diante da marquesina de autobus situada enriba da Praza do Rei. 
Os/As participantes que xa dispondes de carné de Camiño a Camiño simplemente o tendes que presentar e así axilízase o proceso. Os/as novos participantes entregarásevos o citado carné.
De cara a facer cómodos os percorridos, recoméndase levar calzado de camiñar que suxete ben o pé e aqueles/as que o precisen un bastón de apoio. Na ruta deste domingo é sinxela, pero así ímos habituándonos.